Thursday 18 de April de 2024

O PSOE de Ordes vota contra da proposta de orzamentos por non recoller de forma específica as súas emendas


O voceiro municipal, Alejandro Manteiga, lamenta que o PP “recorta en servizos sociais e deportes” e amosa a súa sorpresa por que “máis do 12% dos orzamentos non recollen especificamente a que se van destinar”

O PSOE de Ordes votou en contra da proposta de Orzamentos presentada ao Pleno Municipal polo alcalde ordense, que foi rexeitada cos 11 votos en contra de todos os grupos municipais e que só foi apoiada polos 5 votos do Grupo de Goberno. O voceiro municipal socialista, Alejandro Manteiga, explica que “os socialistas presentamos nove emendas aos orzamentos, que non aparecen recollidas de forma específica na documentación levada ao pleno, por moito que o alcalde insistiu no debate en que se contemplarían no epígrafe de estudos e traballos técnicos”.

O voceiro municipal socialista amosou a súa sorpresa por que “máis do 12% dos orzamentos, é dicir, máis de 1,100.000 euros figuren baixo un epígrafe xenérico como estudos e traballos técnicos. Non é lóxico. Os orzamentos deben especificar a que se van destinar os cartos e non quedar a libre disposición do alcalde e do Grupo de Goberno”.

Emendas socialistas

Sobre as contas rexeitadas esta mañá, Manteiga lamentou que “en servizos sociais e deportes se recortou un pouco a partida, mentres nós propuxemos destinar 30.000 euros para a construción dunha cancha de baloncesto ou de tenis, que non todo é fútbol, e outros 15.000 euros para axudar a deportistas de Ordes que destaquen en diferentes disciplinas”. Os socialistas tamén propuxeron investir outros 7.000 euros para facer un estudo de aproveitamento da piscina municipal descuberta, xa que durante 9 meses ao ano é unha instalación deportiva pechada e sen uso ningún.

As emendas socialistas aos orzamentos tamén buscaban promover a economía local de Ordes. Así, Alejandro Manteiga propuxo investir 12.000 euros na promoción da actividade comercial en Ordes, así como outros 20.000 euros para apoiar aos emprendedores e outros 30.000 euros para mellorar a empregabilidade xuvenil e das persoas maiores de 50 anos.

Finalmente, en materia de infraestruturas, os socialistas volveron reclamar unha partida orzamentaria de 150.000 euros para o arranxo da depuradora e da potabilizadora de augas, actualmente sobreexplotadas; e outros 150.000 euros para a mellora das redes de sumidoiros nas parroquias. A consignación destas cantidades estaría condicionada á consecución dun convenio de colaboración ou dunha subvención por parte doutras Administracións que cubriran parte do custo destes investimentos. Así mesmo, os socialistas tamén propuxeron investir 150.000 euros en limpeza de estradas, pistas e camiños municipais, especialmente nunhas datas nas que estes viarios poden servir como cortalumes e ser de moita axuda na prevención e extinción de incendios.